O ámbito educativo constitúe o segundo espazo, despois da
familia, no que nenos e nenas, adolescentes e mocidade pasan a maior
parte do seu tempo. Así, a permanencia neste sistema considérase
por si mesmo como un factor protector frente ao uso indebido de
sustancias. Os centros de ensino permiten intervir na infancia e na
adolescencia en idades nas que se van adquirindo hábitos e modelos
de comportamento sobre os que se pode incidir con certa facilidade.
Para obter maiores resultados e imprescindible a implicación dos
tres elementos básicos que compoñen o ámbito escolar: alumnado,
familias e profesorado.
A familia ten unha función
moi importante no desenvolvemento social, emocional e cognitivo da
persoa. Na familia adquírense e desenvólvense as actitudes,
crenzas, valores, hábitos, estilos de vida e comportamentos que
influirán no modo en que nos enfrontamos á vida e, por tanto, a
actuación familiar pode contribuir a evitar a aparición de
problemas relacionados coas drogas.
De acordo con elo, deben
promoverse actuacións dirixidas a mellorar as habilidades e
competencias educativas, de xestión e comunicación familiar.
Os problemas relacionados co uso de
drogas por parte dos sectores máis novos da poboación constitúe un
dos maiores problemas e preocupacións da nosa sociedade. Adolescentes e xóvenes son quen
máis consumen drogas nos seus tempos de lecer.
Por elo é necesario
desenvolver actuacións preventivas co obxectivo de promover estilos
saudables de vida e de ocupación do tempo libre; así como evitar
ou reducir o uso/abuso de drogas por parte deste grupo de
poboación.
Existe unha evidencia clara de que a
prevalencia de consumo das distintas drogas, legais e ilegais, entre
as persoas traballadoras supera a rexistrada entre o conxunto da
poboación xeral. As actividades preventivas a
desenvolver coa poboación, tal como propón o Plan Nacional sobre
Drogas, deben incardinarse como parte do desenvolvemento da Lei de
prevención de riscos laborais. A implementación das accións
preventivas neste ámbito require a implicación tanto das empresas
como dos e das traballadoras e a súa representación sindical
(comités de empresa), conxuntamente cos servizos de prevención de
riscos laborais.
A prevención neste ámbito
persegue promover a participación da sociedade civil a través do
movemento asociativo e das entidades sociais, mediante a utilización
por parte das entidades públicas e privadas, e das persoas
individualmente, dos recursos documentais e informativos existentes.