As respostas que se articularon na década dos oitenta en Galicia para atender as demandas asistenciais formuladas no campo das adiccións, fundamentalmente motivadas por problemas de adicción á heroína, caracterizáronse pola creación de estruturas específicas para o tratamento das drogodependencias (paralelas ás redes xerais de saúde ou servizos sociais) e polo protagonismo na xestión dos servizos asistenciais das organizacións non gobernamentais e dos concellos, que deron unha resposta moi eficaz naqueles difíciles momentos e durante as dúas últimas décadas. Todo isto trouxo como consecuencia o desenvolvemento dunha rede específica de atención ás drogodependencias que precisa da imprescindible coordinación e integración co resto dos servizos sanitarios e sociais.
Nos últimos anos o perfil do consumidor variou notablemente, cunha tendencia ao policonsumo e un crecente protagonismo doutras substancias como o alcohol, a cocaína ou o cánnabis, cuxo consumo non se limita a sectores desfavorecidos socialmente, senón que tamén é habitual en clases máis acomodadas.
Ao mesmo tempo, a coordinación e a colaboración entre os distintos servizos fóronse concretando en diferentes actuacións (elaboración e dispensación de metadona, desintoxicación hospitalaria, vacinacións, etc.) que permitiron intervencións conxuntas no ámbito das drogodependencias. Non obstante, queda moito camiño por percorrer e continúan observándose con frecuencia dificultades de comunicación e coordinación entre as unidades de tratamento aos trastornos adictivos e os servizos de saúde mental e atención primaria, tres piares esenciais e básicos no tratamento integrado e comunitario dos trastornos adictivos.