Como cada 10 de outubro, desde 1992, celébrase o Día Mundial da Saúde Mental por iniciativa da Federación Mundial de Saúde Mental (WFMH) e co apoio da Organización Mundial da Saúde (OMS).
Este ano o lema internacional elixido é 'Facer da saúde mental e o benestar para todos unha prioridade mundial' xa que, entre outros motivos, as taxas de persoas que experimentan ideas suicidas están a aumentar a nivel mundial e as persoas con trastornos mentais, as súas familias e outras poboacións continúan dicindo que o benestar da súa saúde mental non sempre é unha prioridade para os gobernos, os prestadores de servizos ou a propia sociedade, e o estigma e a discriminación seguen sendo unha barreira para a inclusión social e o acceso a unha atención adecuada.
Doutra banda, a pandemia de COVID 19 demostrou que moitos sistemas de saúde non están preparados para facer fronte aos desafíos da saúde física e mental e púxonos fronte a unha encrucillada na que é imperativo tomar o camiño correcto.
A Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, adoptados no 70º período de sesións da Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 2015, non se poden lograr a menos que fagamos un investimento significativo para mellorar o benestar mental.